11 de xullo ás 9h no Faísca para organizar os carros.
Desta
volta un roteiro para desfrutar do verán. Nunha pequena andaina dende o monte
ao río imos coñecer o val de Soutomaior, treito final do río Verduxo que emboca
aquí a ría de Vigo.
Para
obter na boa perspectiva do conxunto da zona, plantexamos a subida do Monte
da Peneda (327 m), pequeno pero moi destacado pico dende o que se domina coas
vistas todo o val de Soutomaior, a foz do Verduxo na Ponte de San Paio, a
Enseada de San Simón e polo interior as primeiras cadeas montañosas dende até
os cumios do Monte Maior que preceden á Serra do Suído. Foi no curuto deste
pico onde se erguía o castelo que o arcebispo de Compostela mandou construír
para ter controlados os movementos do Pedro Madruga, dono de Soutomaior no
convulso tempo posterior á segunda Guerra Irmandiña.
A
subida á Peneda comezarémola no lugar do Viso para despois descer pola aba
contraria, xa por terras da parroquia de Soutomaior. Camiñando entre viñedos
iremos cruzando o val achegándonos agora ao cuartel de Pedro Madruga, o famoso castelo
de Soutomaior, reconstruído na forma actual trala revolta irmandiña. Despois de
comer e visitar o parque e o recinto do castelo, continuaremos a baixada cara
ao Verduxo polo núcleo da parroquia de Soutomaior, pasando pola igrexa e
seguindo o trazado do GR-58 (Sendeiro das Greas). Finalmente chegaremos ao
río na ponte medieval de Comboa. Dende este punto só falta remontarnos pola
beira do río até acadarmos nada menos que o Inferno –así se chama o punto de
confluencia entre os dous grandes ríos da ría de Vigo, Verduxo e Oitavén–, onde
finalizamos o percorrido e onde seguramente haberá opción de bañarse se vai
calor.
Combinamos
ás 9:00 no Faísca. Coma sempre, levade xantar e auga abondo; calzado cómodo, e
protección do sol. Hai un chisco de toxeira na baixada da Peneda, pero vale ir
de curto aínda así porque se pasa rápido. Vémonos!
Ø Distancia: 8,7 km (entre carreiros e estradas)
Ø Desnivel máximo a ascender: 130 m (a subida da Peneda, despois practicamente todo baixar)
Sem comentários:
Enviar um comentário